• Bota unha man!

    Sexa o que sexa o que poidas facer, o Monte Pindo necesítao: Traballo físico, asesoramento técnico, manexo de maquinaria, apoio loxístico...

    Só maiores de idade ou maiores de 16 anos con autorización familiar.

  • Doa vida!

    Un proxecto tan ambicioso necesita recursos, e somos unha organización que os ten moi escasos. Calquera donativo de prantas, ferramentas, ou cartos será fundamental para devolvermos o Monte Pindo á vida.

    Non aceptaremos especies alóctonas.

  • Tes unha idea?

    Traballas na investigación, dedícaste profesionalmente a isto e tes unha boa idea? Este é un proxecto dinámico, hai sitio para ela.

Asinamos un convenio co CSIC para o subministro de árbores autóctonas


A Asociación Monte Pindo Parque Natural e o grupo de Biotecnoloxía e mellora forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), acaban de asinar esta mañá un Convenio polo cal ambas partes comprométense a colaborar mutuamente nos seus proxectos en marcha e futuros.

Convenio asinado
Nomeadamente, no que afecta ao Monte Pindo, o IIAG-CSIC proporcionará ao proxecto SOS Monte Pindo árbores autóctonas coma ameneiros, carballos e castiñeiros certificados xeneticamente e que forman parte do seu Banco de Xermoplasma, un banco de sementes no cal conservan xenotipos extraídos de árbores senlleiras e representativas do noso país, co gallo de poder reproducilas no futuro cantas veces sexa necesario. Por outra parte, o IIAG-CSIC proporcionará asesoramento á Asociación Monte Pindo no proxecto de repoboación.

Pola súa parte, o IIAG-CSIC pretende garantir o futuro da especie Quercus lusitanica (Carballo anano), que periga despois do incendio que asolou o Monte Pindo este verán. Por iso pretende localizar especimes sans para crear o Banco de xermoplasma de Quercus lusitanica do Monte Pindo. O convenio ratificou a colaboración da Asociación Monte Pindo nesa iniciativa.

Esta fin de semana o Monte Pindo beneficiarase por primeira vez deste convenio e recibirá unha ducia de ameneiros de ata ano e medio de idade destinados á súa aclimatación na Sementeira do proxecto en Lamas de Castelo.

Medio cento de voluntarios inscritos na primeira fin de semana de #SOSMontePindo

Foto: Santi Llecha
O Proxecto SOS Monte Pindo non puido nacer con mellor pe, pois xa conta con medio cento de persoas inscritas nos primeiros dous días que o formulario web leva aberto a inscricións. E isto a pesar dos problemas técnicos que durante a fin de semana impediron visibilizar correctamente os contidos en varias plataformas, e que xa foron subsanados esta mañá.

A primeira xornada efectiva de traballo terá lugar o 17 de novembro, no que cando menos unhas corenta persoas dedicaranse a voluntariado físico na zona, que dependendo das condicións meteorolóxicas consistirá en prevención de escorrentías no monte arrasado ou ben na recollida e plantación de landras e sementes destinadas á creación da sementeira de Lamas de Castelo. Na xornada prevese a participación das nenas e nenos dun Centro de Acollida.

Mentras tanto as mariscadoras confirman que as cinzas seguen a arribar á Berberecheira e que están a solidificar en forma dunha capa de máis de 25 centímetros dunha especie de argamasa negra moi difícil de retirar.

Dámoste a benvida a SOS Monte Pindo!


Hoxe, día 1 de novembro de 2013, Día de Defuntos, nace SOS Monte Pindo.
Aquí podes atopar toda a información sobre o proxecto de voluntariado para recuperar o Monte Pindo para o disfrute e a mellora da calidade de vida de todas e todos.
Aquí podes inscribirte no voluntariado, facernos un donativo de árbores, ferramentas ou cartos e mesmo mandarnos as túas ideas para mellorar o proxecto.
 Date unha volta pola páxina e se botas algo en falta ou atopas un erro cóntanolo!
Tamén lembra compartir cos teus esta páxina para que consigamos a máxima difusión posible!
En redes sociais, podes seguir toda a actividade deste proxecto en Facebook e Twitter rastreando o hashtag #sosmontepindo.

Organiza

Colabora

IIAG-CSIC

Categorías

Ofertas

Aqui iremos informando de ofertas das que disporá o voluntariado na zona.

Contáctanos

Asociación Monte Pindo Parque Natural
Legalmente constituida no Pindo (Concello de Carnota) o 17 de outubro de 2010.
CIF: G-70280177
Enderezo postal: O Rabecho s/n, CP 15296 O Pindo (Carnota) A Coruña
Enderezo electrónico: info@montepindo.org
Teléfono: 655 56 43 72
Facebook: montepindo.pn
Twitter: @montepindo
Youtube: /user/montepindopn