A paralización forzosa de #SOSMontePindo dispara as inscricións no voluntariado

O último informe demostra o
positivo das actuacións
A Xunta omite a existencia dun informe interno favorábel ao Parque Natural
Lonxe de amilanarse, a sociedade galega está indignada pola orde de paralización do proxecto de voluntariado de SOS Monte Pindo por parte da Xunta, e de feito o ritmo de inscricións no formulario web do proxecto suspendido incrementouse malia a ameaza de sancións.

Mentras a noticia saltaba a todas as portadas e as mensaxes de apoio e rabia non cesan en redes sociais coma Facebook e Twitter, os servizos xurídicos do Concello estudan que facer en adiante para poder desenvolver o proxecto sen exporse a accións punitivas aos organizadores nin tampouco ao propio voluntariado. Pola súa banda, e mentras non se aclara a situación legal na que nos atopamos, a Asociación Monte Pindo ratificou a suspensión indefinida do proxecto cando menos no tocante ás intervencións directas no territorio queimado do Olimpo Celta, malia que pode continuar traballando na sementeira situada en Lamas de Castelo no chan de Carnota para aclimatar as árbores que o proxecto siga recibindo, entre elas unha nova partida de carballos e castiñeiros que xa ten preparado o IIAG-CSIC e que se prevé que entreguen esta mesma semana en virtude do convenio que ten asinado con Monte Pindo Parque Natural.

Verónica Tellado, última esperanza de reconducir unha situación dantesca 
O feito de que o PP se negase a prohibir a utilización de cianuro na minaría galega o mesmo día que paralizou un proxecto de recuperación dun espazo natural protexido tan valioso coma o Monte Pindo deixa claro que a sociedade está condenada a suplir a falta de acción deste goberno no que respecta ao medio ambiente. O único raio de esperanza para normalizar esta situación é que a nova titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado Barcia, marque unha distancia significativa co seu antecesor no cargo, Ricardo García-Borregón, dimitido en agosto tras verse envolto nunha serie de actuacións medioambientais desastrosas. Por iso agardamos con impaciencia e esperanza a reunión que xa lle temos solicitado, e tamén lle pedimos que nos faga entrega dun Informe técnico da Xunta favorábel á declaración do Monte Pindo coma Parque Natural elaborado polos técnicos da Consellería antes do verán, e cuxa existencia a Xunta omitiu deliberadamente ao negarse unha e outra vez a conceder esta figura de protección ao mítico macizo carnotán.

0 comentarios:

A Xunta paralisa SOS Monte Pindo coa ameaza de sancións


Nin fan, nin deixan facer. A Xunta púxose en contacto con nós a través da Xefa do Distrito Forestal V, Sara Romero Sueiros, para ordenarnos que paralisemos inmediatamente as accións de voluntariado de SOS Monte Pindo. O argumento é que o Monte Pindo "non é de todos", senón da Xunta, porque existe un contrato nese sentido polo que todas as actuacións que se fagan teñen que contar coa súa autorización. Para a xefa de distrito, a situación é a mesma que "se entramos no seu piso a pintar", e denunciou que utilicemos árbores de viveiro, cousa que é falsa pois recollémos todos os exemplares en bosques naturais da contorna a excepción de doce ameneiros cedidos por convenio co CSIC, certificados xeneticamente e que non plantamos no monte senón no chan de Carnota para que se aclimaten antes de transplantalas ao seu emprazamento definitivo.

As parcelas nas que temos actuado son titularidade do Concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, que non só autorizan senón que están a colaborar co proxecto. O suposto convenio ao que se refire delegaría na Xunta a xestión deste espazo, cuns resultados tan desastrosos que as consecuencias saltan á vista. Despois de anos sen apenas facer ningunha actuación, o deterioro e abandono do Olimpo Celta era tan acuciante que en setembro ardeu na súa totalidade, a pesar de que existía unha asociación que levaba anos solicitando implacablemente actuacións e medidas de protección. Ademais, nin o lume espertou unha Xunta que ignorou todos os avisos das previsíbeis escorrentías de lodos contaminantes que finalmente acabaron producíndose, afectando a bancos marisqueiros, o que obrigou á sociedade civil a tomar a iniciativa cun proveitoso proxecto de voluntariado que agora a Xunta intenta destruír. Ademais, non se pode dicir precisamente que a Asociación non tentara pedir permisos: ao igual que o Concello de Carnota, temos varias reunións solicitadas coa Xunta antes e despois do incendio para falar do que facer neste espazo, o que pasa é que nunca foron respondidas. Malamente pode consensuarse nada con quen se nega a recibirte e falar contigo.

Por todo, a Asociación Monte Pindo vese obrigada a tomar a dolorosísima decisión de paralisar indefinidamente SOS Monte Pindo ante a ameaza de que se presenten axentes na próxima acción de voluntariado (prevista para a vindeira fin de semana) para formalizar denuncias, situación á que non imos expoñer nin ao voluntariado -que abondo esforzo fai con vir a botarnos unha man- nin á propia Asociación que non conta con recursos para facerlle fronte a unha posíbel avalancha de multas.

O Concello de Carnota e a Asociación Monte Pindo Parque Natural estudan que medidas adoptar para poder continuar os traballos, e queremos trasladar unha mensaxe de tranquilidade a quen xa traballou na zona. O propio alcalde Ramón Noceda xa nos expresou a súa solidariedade e disposición a facerse responsábel no caso de que finalmente a Xunta decida emprender accións legais contra o voluntariado.

Asi mesmo, queremos denunciar a crecente persecución política á que nos vemos sometidos por parte do actual goberno da Xunta. Nunca nada malo lles fixemos, só lles pedimos que cumpran co seu cometido, e que se non queren facelo, que cando menos se aparten e non molesten. Non merecemos que despois de tres anos esixindo que declaren dunha vez o Parque Natural, o PP siga inmóbil. Non merecemos que cando pedimos actuacións urxentes para evitar as temidas riadas o PP se ría de nós facendo espectáculos televisivos na zona para simular que fan algo. Non merecemos que cando no Parlamento se piden actuacións e compensacións económicas no Parlamento para os veciños afectados, o PP diga que os veciños non as queren. Non merecemos que cando empezamos a falar de voluntariado, o PP contraataque cun voluntariado máis simbólico que real. Non merecemos que agora que está a agromar realmente a xenerosidade e solidariedade do noso pobo para recuperar o seu Olimpo Celta, veña agora o PP a poñernos paus nas rodas.


Pola parte positiva queda o bo traballo feito durante as dúas fins de semana consecutivas que leva o proxecto en marcha, e que se saldou coa participación dun total de 55 voluntarias e voluntarios, a plantación de 2500 castiñeiros e 1050 carballos, e o tratamento de 5,73 hectáreas con gramíneas de crecemento rápido para agarrar a terra e evitar as riadas de cinzas. Iso xa non o poderán evitar.

Lamentamos vernos involucrados nesta dantesca situación e agradecemos sinceiramente a xenerosidade das case cen persoas que xa se inscribiron para traballar altruistamente en SOS Monte Pindo, e moi especialmente a profesorado, nenas e nenos do CEIP Santa Eulalia de Dumbría que tiñan previsto participar na seguinte acción de voluntariado, que polo momento non poderá realizarse. A forza do noso amor non será inútil.

0 comentarios:

Monte Pindo, premio Nordés 2013!

Compartimos este momento co Club de Xadrez Cabo Touriñán, 2º clasificado.
A audiencia de Radio Nordés - Cadena SER elixiu á Asociación Monte Pindo Parque Natural como merecedora do Premio Nordés 2013, acadando ademais un record de 503 votos, e proclamando á entidade carnotá coma a máis votada nas 14 edicións que se levan desenvolto destes premios.
Precisamente foi este premio o que inaugurou a gala que este venres se celebrou na Casa da Cultura de Olveira (Dumbría), subindo a recoller un premio (por certo elaborado polo artista carnotán Nacho Porto) que pasou das mans do representante da construtora Germán Mouzo ás da tesoureira Merche Díaz e do secretario Mario Maceiras.
Na intervención, Merche Díaz e Mario Maceiras agradeceron o importantísimo apoio recibido e ás demais entidades nominadas, pois a xente "recoñece asi a imprescindíbel acción do puxante tecido asociativo da Costa da Morte neste momento de crise", e lamentaron que non puidese estar para recoller o premio a cabeza visíbel da Asociación, o seu presidente Xilberto Caamaño, por estar convaleciente dunha operación.
Non faltou a nota crítica, facendo uso da súa intervención para lembrarlle a toda a comarca que "a Xunta ten abandonado o Monte Pindo e a veciñanza de Carnota á súa sorte", e que "só desde a sociedade seremos quen de desenvolver o Monte Pindo á vida", polo que chamaron a participar no proxecto SOS Monte Pindo. Tamén o artista convidado da noite, o rapeiro ceense Leö KCh, saiu ao escenario vestindo unha camiseta de Monte Pindo Parque Natural e bateu en todos os presentes cos seus ácedos berros en silencio.
Este traballo abnegado vese por primeira vez recoñecido cun premio e a
demais de transcendencia comarcal, o que nos anima a seguir traballando con máis forza e gañas para que o futuro do Monte Pindo sexa ben distinto a ese futuro negro ao que parecen querer condenarnos sen remisión.


Tras o recoñecemento da bisbarra, toca seguir traballando
Voluntarios de SOSMontePindo, sábado
Despois da celebración, o amencer trouxo novas esperanzas para o Olimpo Celta. O sábado unha ducia de voluntarios de SOS Monte Pindo seguian venteando media tonelada de gramíneas e crearon un novo souto para o Monte Pindo con máis de 500 castiñeiros. Ao rematar, as e os voluntarios preguntaban se cando consigamos o Parque Natural poderán vir ás castañas. Abofé que poderán!

0 comentarios:

2ª acción de voluntariado #SOSMontePindo

Sábado 23 e domingo 24 de novembro comeza unha nova acción de voluntariado de SOS Monte Pindo, despois do éxito do primeiro operativo civil para recuperar o Monte Pindo.

A cita será ás 10:00 horas no punto de reunión de Lamas de Castelo. Desde ali organizaremos os traballos en función do número de voluntarios que asistan e que se ocuparán de xestionar varios centos de carballos e castiñeiros tanto na sementeira de Lamas coma no propio Monte Pindo, e continuarán cos traballos de espallar gramíneas. A organización ofrecerá aos voluntarios, ademais das ferramentas precisas, bocadillo e durmida gratuita no pavillón municipal de Lamas de Castelo.

Por outra parte, a Asociación está a traballar na creación dun servizo de transporte compartido para por en contacto a voluntarios queiran achegarse a Carnota desde diferentes puntos de Galiza e poidan compartir un mesmo coche co conseguinte aforro de cartos e de enerxía.

Xanela da Lúa ofrece aos voluntarios de SOS Monte Pindo habitacións a 20 euros
Para aqueles que prefiran pernoctar nunha fermosa casa de turismo rural en Lira, Xanela da Lúa ofrece un importante desconto aos voluntarios de SOS Monte Pindo, que a noite do sábado poderán pernoctar no dito estabelecemento polo prezo exclusivo de 20 € a habitación. Ademais, por un suplemento de 25 € por persoa, poderán disfrutar tamén de xantar e cea.

Quen desexe aproveitar esta oferta debe porse en contacto con Xanela da Lúa nos teléfonos 617 485 182 ou 981 761 306.

0 comentarios:

Informe actualizado a 19 de novembro de 2013

0 comentarios:

Arrincou #SOSMontePindo coas mans dos herdeiros do País

O proxecto de voluntariado para recuperar o Monte Pindo non puido iniciarse con mellor pe, pois foron unha trintena de nenas e nenos cos seus monitores e voluntarios os que se ocuperon do espazo natural ao longo dunha xornada enteira na que o tempo acompañou. Como anfitrións por parte da Asociación actuaron Xil Caamaño, Sven Schwebsch, Antía Insua e Mario Maceiras.

Pola mañá, o voluntariado dividiuse en dous grupos: os maiores dedicáronse a plantar na sementeira de Lamas de Castelo unha ducia de ameneiros cedidos polo IIAG-CSIC como primeira colaboración do convenio recén asinado, mentras o grupo dos máis cativos internouse polo Bico do Santo para recoller cepellóns de pequenos carballos, loureiros e ata un eucalipto recollido por erro e que obviamente foi desbotado por non corresponder coa filosofía deste proxecto.

Logo de xantar, puxemos a proa cara o Monte Pindo, e novamente dividimos dous grupos. Esta vez os máis pequechos serían os que plantarían uns 50 carballos, mentras os maiores marcharon cara o Rego Voitureiro para, provistos de bolsas de gramíneas coma cebada e herba, ventear uns 50 kg de sementes nas ladeiras máis escarpadas, que seguían tan desprovistas de toda vexetación coma se o incendio se extinguise onte mesmo. Ao fío das 6 e media da tarde, e cando os máis pequechos xa comezaban a acusar o cansanzo, volvían ao autobús que os trouxera desde Miño logo dunha emotiva despedida e aplauso mutuo.

A Asociación Monte Pindo desexa expresar novamente a súa emoción por que fosen manciñas de entre 6 e 17 anos as que deran este primeiro paso en defensa do noso medio natural e concretamente pola recuperación do Olimpo Celta, e porque moitos deles que nunca antes prantaran unha árbore puidesen concienciarse da importancia de coidar o noso medio ambiente, nunha xornada na que non faltaron os risos, os xogos, os chíos cada vez que un desprevido verme decidía asomarse a ver que pasaba, pero sobre todo non faltou o compañeirismo nin o amor pola terra na que afundiran as súas pequenas mans. Asi mesmo, queremos agradecer infinitamente o bo facer e a profesionalidade dos monitores e voluntarios do Centro de Acollida de Bañobre (Miño) para que a xornada fose perfecta e o seu compromiso decidido de seren os primeiros en dar este paso. O futuro do Monte Pindo xa é voso!

Aparece tiroteado un cartel de "Vedado de caza"
A parte negativa da Xornada, a parte de volver a transitar por unha paraxe desolada onde o único son era o dos pasos e as palabras do voluntariado, foi o achádego á beira dunha pista no Chan das Lamas dun cartel que lembra a completa prohibición de cazar neste espazo, e que antes do incendio fora totalmente acribillado por un total de 8 impactos de bala que demostran a absoluta impunidade reinante neste espazo no que a vixilancia -que si se garante nun Parque Natural- brilla pola súa ausencia. Agustín Hernández, Marisol Piñeiro e demais individuos que levan meses repetindo que o Monte Pindo está sobradamente protexido poden estar satisfeitos cos froitos da súa magnífica xestión.

Aberto o prazo para inscribirse no voluntariado desta fin de semana
Quen desexe participar nas accións de voluntariado de SOS Monte Pindo que se desenvolverán sábado 23 e domingo 24, deben confirmar a súa asistencia escribindo un correo a info@montepindo.org. Ademais, para garantir a cobertura do seguro de accidentes e responsabilidade civil da Asociación Monte Pindo, deben estar previamente inscritos no formulario de inscrición da páxina web. Agardamos que esa segunda acción será, cando menos, tan proveitosa como xa foi a primeira.

0 comentarios:

As nenas e os nenos dun colexio inaugurarán SOS Monte Pindo

A xornada servirá para ensaiar no Monte Pindo a
divertida técnica das "Bombas de sementes" ou Nendo dango
Este domingo 17 de novembro ás 11 da mañá, un autobús con profes, nenos e nenas procedente dun colexio chegará a Carnota para inaugurar coas súas mans o proxecto de voluntariado SOS Monte Pindo, que aspira a recuperar desde a propia sociedade o Olimpo Celta destruido durante un incendio en setembro, despois de que a administración responsábel de facelo, a Xunta de Galicia, negara reiteradamente todas as peticións que se lle levan feito a nivel de actuacións e mesmo a negativa a reunirse sequera, o que motivou a recente ruptura de relacións da Asociación Monte Pindo coa Xunta.

A primeira xornada dividirase en dúas accións principais: os máis maiores dedicaranse á semente de gramíneas de crecemento rápido (herba, cebada, trigo, centeo...) no entorno do Rego Voitureiro, o causante de graves arrastres de cinzas cara a Berberecheira. Pola súa parte, os máis cativos recollerán landras de carballo en bosques da contorna, destinadas a medrar na Sementeira con que contará o proxecto. Pola tarde plantaremos esas landras na sementeira e elaboraremos bombas de sementes, unha eficaz e divertida técnica xaponesa denominada Nendo dango consistente en formar pequenas bolas de arxilas cheas de sementes de distintas especies para lanzar sobre áreas de difícil acceso. Logo a propia choiva disolve as bolas e espalla as sementes que prenden de forma natural.

A Asociación Monte Pindo quere agradecer aos docentes deste centro o seu interese en participar e tamén desexa expresar a nosa emoción porque as primeiras mans que devolverán á vida o Monte Pindo sexan a de nenos e nenas, pois eles son os donos do futuro do noso monte e do noso País. Agardamos que a xornada lles sirva para coñecer o Monte Pindo, divertirse e reforzar os valores de compañeirismo, solidariedade e respecto polo Medio Ambiente.

0 comentarios:

Asinamos un convenio co CSIC para o subministro de árbores autóctonas


A Asociación Monte Pindo Parque Natural e o grupo de Biotecnoloxía e mellora forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), acaban de asinar esta mañá un Convenio polo cal ambas partes comprométense a colaborar mutuamente nos seus proxectos en marcha e futuros.

Convenio asinado
Nomeadamente, no que afecta ao Monte Pindo, o IIAG-CSIC proporcionará ao proxecto SOS Monte Pindo árbores autóctonas coma ameneiros, carballos e castiñeiros certificados xeneticamente e que forman parte do seu Banco de Xermoplasma, un banco de sementes no cal conservan xenotipos extraídos de árbores senlleiras e representativas do noso país, co gallo de poder reproducilas no futuro cantas veces sexa necesario. Por outra parte, o IIAG-CSIC proporcionará asesoramento á Asociación Monte Pindo no proxecto de repoboación.

Pola súa parte, o IIAG-CSIC pretende garantir o futuro da especie Quercus lusitanica (Carballo anano), que periga despois do incendio que asolou o Monte Pindo este verán. Por iso pretende localizar especimes sans para crear o Banco de xermoplasma de Quercus lusitanica do Monte Pindo. O convenio ratificou a colaboración da Asociación Monte Pindo nesa iniciativa.

Esta fin de semana o Monte Pindo beneficiarase por primeira vez deste convenio e recibirá unha ducia de ameneiros de ata ano e medio de idade destinados á súa aclimatación na Sementeira do proxecto en Lamas de Castelo.

0 comentarios:

Medio cento de voluntarios inscritos na primeira fin de semana de #SOSMontePindo

Foto: Santi Llecha
O Proxecto SOS Monte Pindo non puido nacer con mellor pe, pois xa conta con medio cento de persoas inscritas nos primeiros dous días que o formulario web leva aberto a inscricións. E isto a pesar dos problemas técnicos que durante a fin de semana impediron visibilizar correctamente os contidos en varias plataformas, e que xa foron subsanados esta mañá.

A primeira xornada efectiva de traballo terá lugar o 17 de novembro, no que cando menos unhas corenta persoas dedicaranse a voluntariado físico na zona, que dependendo das condicións meteorolóxicas consistirá en prevención de escorrentías no monte arrasado ou ben na recollida e plantación de landras e sementes destinadas á creación da sementeira de Lamas de Castelo. Na xornada prevese a participación das nenas e nenos dun Centro de Acollida.

Mentras tanto as mariscadoras confirman que as cinzas seguen a arribar á Berberecheira e que están a solidificar en forma dunha capa de máis de 25 centímetros dunha especie de argamasa negra moi difícil de retirar.

0 comentarios:

Dámoste a benvida a SOS Monte Pindo!


Hoxe, día 1 de novembro de 2013, Día de Defuntos, nace SOS Monte Pindo.
Aquí podes atopar toda a información sobre o proxecto de voluntariado para recuperar o Monte Pindo para o disfrute e a mellora da calidade de vida de todas e todos.
Aquí podes inscribirte no voluntariado, facernos un donativo de árbores, ferramentas ou cartos e mesmo mandarnos as túas ideas para mellorar o proxecto.
 Date unha volta pola páxina e se botas algo en falta ou atopas un erro cóntanolo!
Tamén lembra compartir cos teus esta páxina para que consigamos a máxima difusión posible!
En redes sociais, podes seguir toda a actividade deste proxecto en Facebook e Twitter rastreando o hashtag #sosmontepindo.

0 comentarios:

Organiza

Colabora

IIAG-CSIC

Categorías

Ofertas

Aqui iremos informando de ofertas das que disporá o voluntariado na zona.

Contáctanos

Asociación Monte Pindo Parque Natural
Legalmente constituida no Pindo (Concello de Carnota) o 17 de outubro de 2010.
CIF: G-70280177
Enderezo postal: O Rabecho s/n, CP 15296 O Pindo (Carnota) A Coruña
Enderezo electrónico: info@montepindo.org
Teléfono: 655 56 43 72
Facebook: montepindo.pn
Twitter: @montepindo
Youtube: /user/montepindopn